DECEMBRO 2025

 

NOVEMBRO 2025

 
TENRURA amosa sempre para con nós a Panadería El Cruce. Non hai vez que baixemos á ribeira para limpar a praia, que  non teñamos preparados, cando vimos, cansos, de volta, todo costa arriba, uns boliños amasados especialmente para a rapazada dos Casais. Eles tamén son veciños solidarios!




OUTUBRO 2025

 
A AUTENTICIDADE é un dos obxectivos principais que perseguimos co CEIPP Os Casais. Buscamos que todos os nenos e nenas desenvolvan os seus talentos persoais, na procura de medrar como individuos únicos, irrepetibles e valiosos.

Un ano máis, recibimos na nosa biblio a Augas de Galicia. É importantísimo que coñezamos todo o relacionado coa xestión da auga, un ben primordial para a vida e que temos que aprender a coidar.
Durante o primeiro trimestre participamos no proxecto da ANPA DiversIDADES. Hai obradoiros para o alumnado, para o profesorado e para as familias. Recoñecer, respectar e valorar a diversidade como unha riqueza é o obxectivo deste curso.
Aínda non é oficial, pero nós xa empezamos co voluntariado de biblioteca. A que esperar para botar unha man cando fai falta?
Que solidarias son as familias do CEIPP Os Casais!
No primeiro trimestre, a mamá de Ura, de maneira voluntaria e totalmente altruísta, impartiu obradoiros para todo o alumnado.
Grazas, Marta!
A Micabigotes gústalle moito que traballemos en equipo. Por iso comezamos cos nosos grupos interniveis.
   A principio de mes realizamos a nosa primeira campaña de recollida de roupa para Global Humanitaria e os seus proxectos de cooperación na India.


Grazas a outras persoas voluntarias e solidarias, recibimos uns obradoiros de micoloxía. 
AMABUL é unha asociación medioambiental que procura mellorar a contorna coa axuda da pedagoxía ambiental.
Grazas!
Este ano o tempo acompañounos e non tivemos que adiar a limpeza do río, coma tantas outras veces. Así que, empezamos forte e antes de que rematara setembro, acompañados pola Asociación Betula, fomos darlle un repaso ao río. Cada ano está un pouco mellor!

Iniciamos o cursos cos obradoiros de corresponsabilidade familiar. O reparto das tarefas da casa segue a ser un dos problemas que atentan contra a IGUALDADE.


SETEMBRO 2025

Comezamos o curso 25-26. A nós, a MOTIVACIÓN nunca nos falla.
Queremos cambiar o mundo e sabemos que somos quen de facelo.




XUÑO 2025

 

Este curso 2024-25 puxemos o corazón en todo canto fixemos.

Felices vacacións!

Canto aporta o grupo de voluntariado de biblioteca! Traballando todo o ano de forma solidaria. E con alegría!


Participamos no programa Cinema con perspectiva.


Coñecer, querer e coidar os animais é fundamental para aprender a defender a biodiversidade.
Recibimos o premio do IIIConcurso Somos Rural, polo noso proxecto Hórreos, patrimonio cultural e inmaterial. Difundir o importantísimo traballo que, de forma desinteresada, está realizando a Rede Hórrea é tamén unha acción solidaria. 




A nosa biblioteca é creativa; nela facemos moitas máis cousas que ler. Mica Bigotes anda argallando sempre charlas e obradoiro interesantísimos para nós. Desta vez, tocounos aprender sobre o lobo e a súa protección.


E tamén tivemos un teatro divertidísimo sobre a reciclaxe!









MAIO 2025

 

A unión constrúese con solidariedade, iso que nós procuramos exercer durante todo o ano.
Xa recibimos os diplomas que certifican tal.


Temos un convidado na ría. Chámase Manoliño. Non é un xoguete. Temos que aprender a respectalo, sen molestalo nin provocar perigo, tanto para este precioso arroaz como para nós.


O respecto polo benestar do planeta enteiro empeza por mirar tamén polo noso benestar. A natureza hai que coidala, entre outras cousas porque é importante para nós.

Os nenos e nenas de Os Casais somos solidarios, os profes e as profes sonsolidarios e as familias son solidarias. A mamá de Martín veunos aprender a calcetar coas mans. Que divertido!


ABRIL 2025

 


Plantar, repoboar, coidar das prantas e das árbores... soster o planeta.


O grupo de voluntariado de biblioteca achegouse á veciña Residencia de Maiores de Laraxe para representar A casa da Mosca Chosca. Unha actividade de aprendizaxe-servizo que nos reporta grandes alegrías. Os usuarios e usuarias pasaron unha mañá divertida, se medimos por todo canto riron.



Nunca serán moitas de máis as actividades para educar na igualdade e rexeitar as diferenzas de xénero. Desta vez, foi da man de A Xanela do Maxín. Compartimos con Celtia Figueras unha obra de teatro participativa.

Como ensaio xeral, os nosos voluntarios e voluntarias quixeron compartir a súa obra de teatro con todos os compañeiros e compañeiras (e profes).


Da gusto ter estes profes tan participativos e solidarios, sempre dispostos a ler para nós de forma voluntaria no seu tempo de lecer.



    
     

O mercado de proximidade é fundamental para a sostenibilidade.


Este curso 24-25 continuamos co Programa TEI de titoría entre iguais. Ás veces, facemos lecturas compartidas.