Proxecto


Título
   Somos quen. Proxecto de Educación en Valores.

Introdución
   A educación ten que desenvolver valores de responsabilidade e participación na transformación social cara un mundo máis xusto. O respecto, a igualdade, a xustiza, a equidade, a protección do medio ambiente, a cooperación, a diversidade ... han de ser asumidos como valores que sosteñan o futuro proxecto de vida dos nosos alumnos e alumnas. É necesario que, dende a infancia, tomen conciencia da realidade e se lles ofrezan cauces para asumila de forma crítica e para potenciar actitudes transformadoras. E isto non so pensando no futuro, senón que xa, no presente, eles son suxeitos de dereito e de deberes e son quen de participar de forma activa na sociedade. 

  Esta fundamentación teórica é a base da que partimos no CEIP. Os Casais para enfocar o traballo e as actividades que realizamos, dende varios cursos atrás, no ámbito da educación en valores e para o desenvolvemento, algunhas delas en colaboración con ONGs (Educo, Entreculturas e Intermón-Oxfam) e outras institucións e asociacións (ONCE, Concello de Fene, Guardia Civil, ec.).

Obxectivos
  • Potenciar a convivencia no centro escolar, entendendo este non como un lugar no que se traspasan coñecementos, senón como unha comunidade na que as persoas son corresponsables e asumen o seu dereito e o seu deber de participación.
  • Incentivar o traballo en equipo, baseado a un tempo no desenvolvemento de todas as potencialidades individuais e no crecemento como grupo.
  • Fomentar as relacións interpersonais fundamentadas no respecto á liberdade individual, á singularidade e á diversidade.
  • Sensibilizar a toda a comunidade educativa da importancia da educación en valores para a maduración personal dos nenos e as nenas e para a súa formación como cidadáns activos.
  • Concienciar sobre a realidade do mundo: os estereotipos e prexuizos, as desigualdades e discriminacións, as grandes diferencias entre Norte e Sur, os perigos da non sustentabilidade, ec.
  • Reforzar o traballo por competencias, especialmente nas competencias relacionadas coa autonomía e iniciativa personal e a competencia social e cívica.
  • Promover a conciencia crítica dende unha educación integral e solidaria.
  • Construir canles de participación xeradores de cambios nas actitudes e comportamentos de toda a comunidade educativa.
  • Valorar a infancia como axente capaz de participar na promoción do cambio social
Organización, desenvolvemento e metodoloxía
Somos quen é un proxecto aberto e flexible que se vai articulando a partires das propostas dos diferentes equipos do centro (Biblioteca ou TIC, por exemplo), das titorías e resto do profesorado e tamén da oferta de organismos e asociacións externas.

   Dentro das posibles actividades a realizar son elixidas aquelas que pola súa pertinencia e viabilidade (tempo, recursos...) o grupo de profesoras estima que poden ser levadas á práctica con unha avaliación positiva.

   Inda que as diferentes actividades teñen unhas determinadas datas aproximadas de realización (distribuidas, á súa vez, por trimestres), así como, moitas delas, un certo compromiso interno de realización, polo feito dos resultados positivos acadados en cursos anteriores, as diferentes actividades van xurdindo ao longo de cada curso, ben en función de diferentes propostas do propio alumnado ou do profesorado ou ben, nun intento de axustalas aos diferentes proxectos desenvolvidos en cada curso concreto (p.ex. o PDI proposto pola biblioteca).  

   A metodoloxía das actividades incluidas no proxecto é lúdica, dinámica e participativa, así como flexible, interdisciplinar, motivadora, incorporadora das TIC, vivencial, socioafectiva e baseada no aprendizaxe significativo por descubrimento.


Avaliación
   Todas as actividades son avaliadas e recollidas nunha memoria. Queda constancia da temporalización, a metodoloxía e o grado de consecución dos obxectivos propostos.

   As ferramentas utilizadas para levar a cabo a avaliación son variadas: observación directa do desenvolvemento de cada unha das actividades, reunións do grupo de profesoras e, nalgúns casos, cuestionarios de avaliación.



Mestres e nenos que participan.


  Todo o alumnado e profesorado do centro.







No hay comentarios:

Publicar un comentario